Irresponsabilidade de BNG e PSOE

 

Doentes da capacidade negociadora de EU-V que foi quen de arrancarlle ao Goberno municipal un acordo favorábel para as familias traballadoras e os máis necesitados nas ordenanzas fiscais, están a utilizar argumentos demagóxicos, populistas e falaces para desmerecer a nosa actuación a prol da maioría social.

 

Esquerda Unida considera a actitude co copago á dependenza do PSOE e o BNG irresponsábel, incoherente, oportunista e ilegal. Irresponsábel porque intentan convencer á cidadanía de que é mellor manter os servizos públicos con diñeiro prestado, acumulando déficit en lugar de aplicar mecanismo de financiamento sustentábeis. Incoherente porque renegan na Coruña do que eles mesmos aprobaron na Xunta, na orde de 22 de xaneiro de 2009 asinada polo vicepresidente Anxo Quintana do BNG cando era presidente Emilio Pérez Touriño do PSOE. Oportunista porque propoñen non aplicar o copago onde son oposición, como na Coruña, máis o aplican onde gobernan como en Vigo, onde, incluso, o servizo sáelle máis custoso a cidadanía. Ilegal porque pretenden ignorar o marco lexislativo vixente aprobado por eles mesmos tanto no Concello como na Xunta.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes lembra que o copago á dependenza o estableceu o bipartito na Xunta de Galicia e no propio concello pois as ordenanzas fiscais do 2011, aprobadas por BNG e PSOE xa incluían o copago, o que ven a demostrar a dobre moral coa que están actuar ambas as dúas forzas políticas.

 

Neste sentido, César Santiso, indicou que “a intoxicación pública que están a desenvolver PSOE e BNG son propias de quen carece dun proxecto político firme por atoparse en proceso de descomposición interna e, xa que logo, pretende facer ruído mediático para distraer a cidadanía”.

 

Santiso indicou que o seu grupo municipal, a pesares de tentar sempre de escapar de polémicas estériles, tivo que saír ao paso da argumentación falaz utilizada nestes días para desprestixiar a Esquerda Unida – Os Verdes, porque “a veciñanza ten dereito a coñecer a realidade”, máis anunciou que non perderán máis tempo en polemizar xa que “agora toca construír e traballar a prol do beneficio dos cidadáns, os demais que se apliquen o conto”.

 

Relacionados