Esquerda Unida denuncia as graves consecuencias medioambientais, sociais e económicas que está a supoñer para a comarca coruñesa o abandono institucional que está a sufrir a nosa Ría.
Asemade, o Consello Comarcal de EU Coruña considera a decisión da Consellería do Mar de abrir ao marisqueo unha zona da ría, mediante unha “anómala” reclasificación de zona C a zona B, como posible atentado contra a saúde pública, posto que a devandita reclasificación realizouse sen desenvolver o saneamento da ría nin a eliminación de verquidos, tanto os industriais como os fecais.
Diante desta situación, a cidadanía da bisbarra coruñesa ten que saír a rúa unha vez máis para esixirlles aos Gobernos centrais e autonómico a inmediata rexeneración da Ría do Burgo. Nesta ocasión unhas mil cincocentas persoas percorreron o paseo marítimo do Burgo para esixir o fin dos verquidos mediante a finalización do proxecto integral de saneamento, a firme aplicación das sancións aos causantes dos verquidos, a posta en funcionamento do EDAR de Bens, a definición dun Plan de Rexeneración Medioambiental e recuperación dos bancos de marisqueo consensuado cos mariscadores e mariscadoras da ría e o mantemento dos convenios subscritos entre a Consellería de Pesca e ás agrupacións de marisqueo da Ría do Burgo, mentres non se teña producido a total eliminación dos verquidos contaminantes.
A importante presenza de Esquerda Unida na mobilización de hoxe volve a amosar o seu total compromiso co saneamento da Ría do Burgo, así pois a faixa de EU, a máis numerosa na manifestación, contou coa presenza de membros do Consello Comarcal da Coruña, do Consello Local de Cambre e os concelleiros de EU en Cambre.