mantemento plan sociocomunitario de Vite

 

A prevención e a loita contra a desatención social son esenciais para o fomento dunha igualdade de oportunidades. Este foi o duro traballo levado a cabo polas persoas que integraron o Plan Sociocomunitario do barrio de Vite desde finais dos anos 80 do pasado século.

 

A tan cacarexada austeridade, e outras falacias presentes no discurso neoliberal da Xunta de Galicia non serven para explicar a negativa por parte da Consellaría de Sanidade a manter o convenio coa asociación veciñal de Vite no ano 2011. Porque entón sinalaríamoslle á dita consellaría que se retraian diñeiros inútiles que se están desbaldindo en billetes de avión de mera propaganda, ou en mobiliario da mal chamada Cidade da Cultura (que representa o enlousado de diñeiro público máis atroz para as nosas arcas), ou o millón de euros que se vai desbaldir en facer propaganda sobre as falsas bondades do decretazo contra a normalización da lingua galega no ensino.

 

Desde Esquerda Unida Compostela consideramos imprescindible que se manteña o convenio e que se siga desenvolvendo o traballo do Plan Sociocomunitario de Vite. Por iso, esiximos que a Consellaría de Sanidade dea volta atrás. A prevención en materia de drogas é imprescindible.

 

Son tempos de naufraxio e deriva causado pola crise do sistema capitalista. A mocidade vive a anguria pola situación das familias, onde aumenta o paro e moitas delas viven na soleira da pobreza; trátase de perigos moi serios e reais que a Consellaría de Sanidade non debera ignorar. E o traballo de prevención que realiza o Plan Sociocomunitario de Vite, que conta coa participación de numerosas persoas en comisións de traballo, non se pode remprazar cun dubidoso programa de subvencións.

 

Esquerda Unida Compostela reclámalle tamén ao Concello de Santiago a que se posicione a favor do mantemento do programa e que presione con todas as súas forzas e faga todo o posible para que o Plan Sociocomunitario de Vite se manteña para evitar que, no futuro, en vez de previr, se teña que tratar ás persoas por drogadición.

Relacionados