compostela.gif - 5.83 Kb

Moción sinalización e dimensións prazas aparcamento para persoas con discapacidade

 

A nivel de accesibilidade segue vixente o Decreto 35/2000 da Xunta de Galicia, pero en febreiro de 2010 promulgáronse dúas normas que superan ó Decreto, unha, o anexo ó Código Técnico da Edificación DB SUA 9, outra, a Orden VIV 561/2010. Dado que é factible que o 35/2000 sexa revisado ou derrogado en favor dunha norma que o supere, desde EU Compostela deféndese seleccionar para cada criterio a opción máis accesible, independentemente da norma que a prescriba.

 

Para prazas de aparcamento, debe sinalizarse 1 praza por cada 40 ou fracción, aínda que o SUA o eleva a 1/33 en caso de pública concorrencia (art. 1.2.3), Se se vai sinalizar unha única praza, o mellor é, en base o 1.3 do Decreto 35/2000:

350 x 500cm máis un pasillo de 90cm entre praza e beirarrúa.

Se hai desnivel entre estrada e beirarrúa, a conexión entre pasillo e beirarrúa farase cunha rampa con pendente máxima do 12% (preferible 6%) e 90cm de ancho.

A praza sinalizarase en vertical e horizontal. En vertical co símbolo internacional de accesibilidade (SIA) e a pertinente lenda que indique a súa reserva para persoas con mobilidade reducida, e en horizontal delimitando o perímetro e pintando o SIA no centro da praza.

 

Se van a sinalizarse dúas ou máis prazas, é preferible o artigo 35 da Orden 561/2010, que permite aforrar espazo indicando un perímetro de 220 x 500cm cun pasillo intermedio compartido de 150cm.

 

Neste sentido en Santiago de Compostela estas prazas presentan un déficit de espazo que impide que as persoas que usan cadeiras de rodas poidan desenvolverse facilmente á hora de subir ou baixar dos seus vehículos. Do mesmo modo, a ubicación destas prazas non se indica correctamente, co que a localización das mesmas non sempre é doado para as persoas que necesitan usalas. A isto hai que engadir que a sinalización vertical non sempre está presente nestas prazas de aparcamento, sendo pouco visibles para os seus usuarios.

 

O Concello debe contar coa participación das distintas asociacións de persoas con discapacidade do municipio, abrindo o debate participativo pertinente co fin de acadar as solucións necesarias que permitan acometer actuacións eficaces e eficientes.

 

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

 

ACORDOS

 

1.       O Concello de Santiago de Compostela acorda planificar, de forma participada coas asociacións de persoas con discapacidade do municipio, a (re)ubicación das prazas de aparcamento reservadas co fin de localizar máis facilmente as mesmas, facendo que cumpran a normativa sobre dimensións relatada na exposición de motivos.

2.       O Concello procederá a sinalizar, de forma correcta, tanto en vertical como en horizontal, todas as prazas de aparcamento reservadas para persoas con discapacidade.

3.       Igualmente, indicarase ao principio de cada rúa a ubicación das prazas de aparcamento reservadas para persoas con discapacidade, co fin de facilitar a localización das mesmas.

4.       Acorda a instalación de prazas de aparcamento reservado para persoas con diversidade funcional en todos os edificios públicos y municipais.

 

Relacionados