O disparate vén a causa da renuncia e inacción do Goberno, o cal non pasou de presentar na primavera deste ano, con máis de medio ano de atraso, a memoria do anteproxecto de orzamentos para logo deixalo morrer sen facer ren. Esquerda Unida presentara en resposta unha emenda á totalidade na primeira e única xuntanza mantida co Goberno, emenda da que non recibimos resposta, emenda que deixou mudo ao Goberno Municipal.
O noso Grupo xa clarexou e denunciou nesta semana a estratexia do Goberno, consistente en non aprobar os orzamentos de 2010 e aínda máis desvalorizar a principal ferramenta de acción política que ten o poder municipal.
Yolanda Díaz, Voceira do Grupo Municipal, afirma a necesidade de que o Goberno Municipal rectifique ese mal facer e se poña a traballar dende xa para elaborar un anteproxecto de orzamento para o ano 2011. O goberno ten que cumprir de maneira responsable cos seus deberes e obrigas e non saltalas á toreira. Traballo e responsabilidade para presentar un orzamento que permita atender as necesidades sociais e os intereses da nosa veciñanza para o vindeiro exercicio de 2011, tal é a demanda que formula Esquerda Unida.
Doutra banda, a nosa organización require do Goberno Municipal que faga efectivos os acordos en materia de taxas que se asinaron para as ordenanzas fiscais de 2010 e que aínda agora non son efectivos. Esquerda Unida non entende a parálise e inacción do Goberno Municipal no que atinxe a pór en vigor as novas figuras tributarias e a progresividade nas que xa están en vigor.
Nada fixo o Goberno, no seo da Comisión informativa de Facenda, para plasmar a progresividade das taxas municipais, agás a dos matrimonios civís. Nada fixo o Goberno Municipal para implementar o acordo acadado con nós para gravar as vivendas baleiras. Esquerda Unida reclama que se desenvolvan os traballos de reordenación da xestión dos ingresos e asignación do persoal necesario e maila planificación da progresiva aplicación da progresividade nas diversas figuras tributarias municipais.
O Grupo Municipal de EU lembra o valor de gravar as vivendas baleiras, segundo se recolle no artigo 72.4 do Texto Refundido da lei de Facendas Locais, mediante o recargo do 50% sobre a cota líquida dos bens inmobles urbáns de uso residencial desocupados de xeito permanente. Medida que ten a intención de contribuír a combater a especulación inmobiliaria e a situación de deterioro por non ocupación dos inmobles. A realidade dinos que no centro da cidade de arredor de 7.000 propietarios hai catrocentos que posúen tres ou máis inmobles. E ao traverso dos consumos de auga e electricidade hai maneira efectiva e real de coñecer a ocupación ou non do inmoble.