Precariedade laboral na dependenza

 

Así, os usuarios alertáronos de déficit na calidade do servizo, de incumprimentos de horarios, de constantes cambios do persoal de axuda a domicilio ou da falta de control e seguimento nos servizos prestados.

 

Esquerda Unida denuncia a precariedade laboral das auxiliares do servizo de dependenza prestado por Valoriza. Así, logo das denuncias recibidas por parte das propias traballadoras, o noso grupo municipal comezou unha labor de investigación encamiñada a controlar as condicións de traballo do persoal de asistencia a domicilio da concesionaria. Froito deste traballo constatáronse importantes eivas que provocan que o servizo a dependencia non teña a calidade que se merecen os dependentes coruñeses.

 

A propia organización do traballo non favorece a excelencia no servizo, as empregadas traballan dous días seguidos e descansan outros dous o que obriga ás que teñen xornada completa a traballar máis de 12 horas diarias. Algo inconcibíbel nun servizo que require de máxima atención así como de especial trato e esmero. A esta situación temos que sumar a falta de calidade na elaboración dos cuadrantes, que quedan descompensados o que xera desigualdades e inxustizas entre as traballadoras. Basta dicir que en pleno século XXI e para uns 528 usuario e máis de 270 traballadoras os cuadrantes fanse a man.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes demanda un equipamento adecuado e mellores condicións laborais para o persoal de atención á dependenza. Así a empresa non desenvolve as perceptivas revisións médicas e as empregadas non dispoñen de uniforme ou placa distintiva que as acredite porque a empresa non lles dota da roupa de traballo adecuada. Asemade, incumpre o convenio laboral ao impedir que moitas traballadoras gocen dos días de asuntos propios e incluso utiliza artimañas para tratar de escamotearlles as vacacións, como sucedeu no 2010 onde gran parte do cadro de persoal quedou sen elas.

 

Por outra banda, o tempo asignado para os desprazamentos das auxiliares entre os distintos domicilios é sumamente escaso, facendo a empresa o cálculo por kms. segundo aparece en Google maps, sen atender a realidade das peculiaridades da estradas, dos  edificios a visitar ou mesmo das características e estado físico das traballadoras.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “as persoas dependentes merecen que o concello busque a excelencia no servizo, algo que nunca se conseguirá si o cadro de persoal non traballa en condicións adecuadas”.

Relacionados