Servizo de canguros municipais

 

Os Rosales é un dos barrios máis poboados da cidade, con aproximadamente 11.500 habitantes dos cales unha grande parte son familias novas con rapaces pequenos. Así o servizo de canguros que se desenvolve no Centro Municipal de Emprego, ten moita aceptación e os usuarios amosan un alto grao de satisfacción grazas as amplas instalacións de que dispón, a posibilidade de realizar actividades ao aire libre sen recorrer a medios de transporte e a facilidade que lle supoñía aos pais dos Rosales, Portiño e San Pedro de Visma o rápido desprazamento ata as instalacións e a facilidade para acadar aparcamento ao dispoñer o centro prazas de aparcamento gratuítas, algo imposíbel de acadar no Centro Cívico de Labañou saturado polos residentes, polos usuarios do Centro de Saúde, do Conservatorio, da Escola Oficial de Idiomas e da UNED.

 

Con todo, o Concello anuncia o traslado do dito servizo ao Centro Cívico de Labañou esgrimindo razóns de maior operatividade relacionada coa conexión co transporte público colectivo, unha débil argumentación. 

 

Esquerda Unida esixe ao Goberno municipal que explique os motivos polos que deixa aos Rosales sen servizo de canguros municipais, a través dunha pregunta no Pleno do Concello, porque dubidamos que o Centro Cívico de Labañou reúna tan boas características como o Centro Municipal de Emprego dos Rosales.

 

Asemade, o dito cambio realízase sen informar, e moito menos consensuar, cos afectados, así o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera esta actitude como unha nova mostra de falta de dialogo coa veciñanza por parte do Goberno local.

 

Dende EU-V temémonos que os verdadeiros motivos están relacionados cos axustes orzamentarios, relacionados con recortes nestes servizos como a redución de 12 h. anuais no servizo de Canguros a Domicilio.

 

O que para César Santiso, significa que “o goberno municipal equivócase profundamente ao reducir os servizos á cidadanía cando precisamente unha das claves para o cambio do modelo produtivo consiste en incrementar a produción de servizos en lugar de mercadorías”.

Relacionados