Solicitamos recortes en corrupción

Alternativa Galega de Esquerda lembra á dereita os casos en que os seus membros están envoltos.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2013.- “Amparar as pontes inmorais que comunican política e negocios deixan ver os sotos ilegais da corrupción”. Así comezou a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, a súa pregunta ao presidente da Xunta esta mañá no Parlamento. “Se un partido ampara ese binomio fire de morte o nobre exercicio da política, entendida como ferramenta que sirve ao interese xeral”, engadiu. A deputada de AGE realizou, ademais, unha rápida enumeración dos casos en que aparecen implicados membros do PP que, en Galicia, preside Alberto Núñez Feijóo. O superdelegado de Ourense procesado por estafa e falsidade documental, os ex responsábeis do Igape imputados na operación Campeón, alcaldes na Pokemón, a situación esperpéntica do Concello de Santiago de Compostela, o baltarismo nos xulgados…

“Vostede ten que reaccionar”, insistiu Díaz, “porque ten a máxima responsabilidade deste país e do que acontece cos altos cargos públicos do PP”. Por iso, a esixencia de Alternativa foi clara: “Débenos a adopción inmediata das medidas oportunas que corten as raíces dunha situación que enche de indignación ás persoas que teñen que aturar a cadea sen fin da corrupción. Recorte en corrupción, señor presidente, recorte en corrupción”. Para Yolanda Díaz, de nada serve que Núñez Feijóo faga de “poli bo” sobre a corrupción no seu partido. “Como no franquismo, vostede fai de poli bo. Pero o poli bo, como o poli malo, fai parte do sistema”, concluíu.

Relacionados