Tranvía turístico

Esquerda Unida considera un despropósito que o goberno municipal malgaste un terzo de millón na reparación do tranvía. E iso grazas a que a oferta gañadora resultou un 27% inferior á cantidade fixada inicialmente no concurso, 362.276 € fronte aos 500.000 € iniciais. Unha reparación que so servirá para poñer en funcionamento a metade a liña existente, a que transcorre entre a Torre de Hércules e o colexio as Escravas, porque segundo estimacións do propio goberno local a reparación da vía entre Porta Real e a Torre suporía tirar ao lixo 2,6 millóns de euros.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os verdes denuncia que o concello non son non recuperará os cartos gastados para arranxar as vías, senón que a posta en marcha do tranvía aínda custará máis cartos á veciñanza. Efectivamente si o servizo xa era deficitario e supoñía un elevado custe para as arcas municipais, a reparación das vías e nova posta en funcionamento semella un luxo de dilapidar os cartos públicos nesta sen razón.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “coa que está caendo, investir no deficitario xoguetiño de Paco Vázquez semella un insulto ás persoas que están sufrindo para chegar a fin de mes”.

Unha vez suspendido o servizo do tranvía turístico por mor das eivas detectadas nas vías e o conseguinte perigo para a seguridade dos usuarios, Esquerda Unida aposta por transformar este deliro de grandeza do exalcalde Paco Vázquez nunha liña eficiente de transporte público que permitise conectar a cidade pola zona costeira, onde apenas existe transporte público colectivo, en base a reutilizar toda infraestrutura existente posible.

 

Relacionados