O Consello Comarcal de Esquerda Unida da Coruña denuncia que o desemprego sube catro veces máis no concello coruñés que no resto do Estado que o fixo nu 0,6%. O paro tamén foi superior no concello da Coruña que no resto da comarca.
No concello coruñés, as mulleres seguen a ser as máis castigadas por esta lacra social ao incrementarse en 272 desempregadas durante o mes de novembro ata alcanzar a cifra de 11.167 paradas, o que supón un aumento do 2,5% respecto ao mes anterior, máis de 0,3 puntos superior ao paro masculino que neste mes se incrementou un 2,18% debido aos 189 novos parados chegando a un total de 8.863. Este dato ven a corroborar as denuncias de EU sobre a necesidade de avanzares na igualdade real entre homes e mulleres, motivo polo cal recentemente Esquerda Unida presentou unha moción no concello coa esperanza que se debata no próximo pleno do 9 de decembro, nesa data a cidadanía, en especial as mulleres, saberán si as forzas con representación no concello están interesadas en traballar a prol da igualdade real.
Unha vez máis, o sector máis castigado e o de servizos que incrementou o desemprego en 224 persoas, chegando ata os 13.244 parados e paradas o que supón máis dun 66% do total do desemprego. Esta situación confirma as denuncias desenvolvidas polo Consello Comarcal de EU Coruña en relación coas eivas do Goberno municipal coruñés na súa política de crecemento baseada no fomento da implantación de grandes superficies en detrimento do pequeno comercio, situación que está a provocar o continuo peche de establecementos e por conseguinte debilitando a tradicional vida de barrio coruñesa.
Xa que logo, Esquerda Unida propón o desenvolvemento dun Plan Estratéxico Municipal de Potenciación e Desenvolvemento do Pequeno Comercio, os Autónomos e as PYMES que priorice o cambio de modelo económico local cara unha economía verde, menos dependente do petróleo que permita unha transición non traumática cara a nova situación que derivará do cénit do petróleo e a conseguinte crise enerxética. Asemade, EU propón un Plan de Reactivación da Vida nos Barrios que mellore a situación do pequeno comercio e reduza as necesidades de mobilidade da poboación.