Valoración do paro de xullo

Esquerda Unida considera que a cifra de 260.198 persoas desempregadas é preocupante e dramática. A pesares de que esta cifra supoña unha redución de 9.005 persoas con respecto ao mes anterior, hai que salientar que este dato supón un 16% máis de paro con respecto ao mesmo mes do ano anterior. E todo nun contexto en que se está producindo un aumento da emigración de galegos e galegas por motivos laborais a outros países.

Esquerda Unida considera que a maioría do emprego creado neste mes é traballo temporal, que vén na súa maior parte do sector servizos. As cifras son pouco alentadoras cando este descenso de desempregados no sector servizos tan só chega ao 2,8% tendo en conta que nos atopamos en época estival. Estes datos véñense repetindo nos últimos anos, o que demostra que as políticas de emprego e a nova reforma laboral non fomentan a creación de emprego.

A executiva nacional de Esquerda Unida considera que é significativo que en canto ao baremo de formación, o nivel de paro só aumenta con respecto aos titulados superiores. Semella que a ausencia de políticas de emprego efectivas e a falta de capacidade da Xunta de Galicia para articular un proxecto de futuro tamén leva a que as persoas máis cualificadas non atopen traballo, tendo en moitos casos que optar por emigrar do país.

A coordinadora nacional e candidata á Xunta de Galicia, Yolanda Díaz, subliña que o desemprego sigue en aumento entre as e os parados de longa duración. A porcentaxe de desemprego por provincias é semellante sendo Lugo a que sobresae chegando até o 22,65%. Cómpre destacar a perda de tecido empresarial galego xa que Galicia se converte na quinta autonomía en procesos concursais, onde a porcentaxe de empresas en quebra chegou até 35,44% con respecto ao ano anterior

Con esta situación, e coas novas medidas que entrarán en vigor a partires do mes de setembro, Esquerda Unida considera que é preciso frear a tendencia destrutiva de empregos, de dereitos e de dignidade deste goberno do PP.  É posible levar a cabo políticas de emprego efectivas que non precaricen aínda máis ás e aos traballadores.

 

Relacionados